Escenas do cambio cumpre dez anos cun programa que celebra a traxectoria do festival e a súa capacidade de transformar espazos, públicos e artistas

Santiago de Compostela, 15 de Marzo de 2024

 A Xunta presentou hoxe o programa da décima edición de Escenas do cambio na Cidade da Cultura, unha cita que consolida a aposta do Goberno galego por xerar espazos para o desenvolvemento da vangarda nas artes escénicas. Dirixido pola bailarina e coreógrafa Kirenia Martínez, este aniversario, que decorrerá entre os días 3 e 5 de maio, concíbese como unha celebración da traxectoria do festival e da súa capacidade transformadora.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou na presentación o carácter rompedor e diverso do festival, no que o público poderá gozar de 13 propostas que desafían, nos seus procesos e resultados, os límites da creación artística. Seis dos espectáculos terán ademais a súa estrea a nivel mundial.

Escenas que transforman

No programa de Escenas do cambio, atopamos oito obras que interveñen diferentes lugares dentro e fóra do Gaiás para convertelos en moito máis ca un escenario. O Xardín do Teatro e o conxunto escultórico Espellos, de Manolo Paz no Bosque de Galicia, serán o lugar para o reencontro entre o bailarín español Andrés Corchero e o xaponés afincado en Estados Unidos Oguri, que renovan baixo o ceo galego o seu proxecto de creación continua My neighbor sky. Tamén no exterior do Bosque de Galicia e polas rúas de Compostela circulará o Rabaño sinfónico guiado pola artista cíborg Moon Ribas e o acróbata Quim Girón. Trátase neste caso dunha obra creada en comuñón na que o público participa cun altofalante a modo de “choca electrónica” que dará orixe a un novo universo sonoro a partir do movemento e da voz.

Dentro do Museo, o andar -1 transmutará nun Calidoscopio visual e sonoro de 360 graos no cal os músicos de Gallaecia Ensemble Barroco compartirán co público a primeira interpretación sobre instrumentos históricos da partitura In C, de Terry Riley, pioneiro da composición minimalista. Este espazo será, ademais, o lugar da estrea absoluta de Dual, a creación de danza e son en vivo coa que o estremeño Álvaro Murillo e o artista sonoro madrileño Artomático exploran as posibilidades do movemento creativo para previr o envellecemento motor e cerebral.

Ademais, a galería subterránea que conecta os diferentes edificios da Cidade da Cultura será o búnker desde o cal a premiada compañía vasca La intrusa dará forma a Prusik, unha rede de mulleres disposta a asaltar o Edén para construír unha nova humanidade. Unha obra que contará coa participación das bailarinas galegas Clara Ferrao, Marcia Vázquez, Ana Beatriz Pérez e Raquel Ferradás. De liberdade, represión e beleza falará tamén desde os túneles do Gaiás o galego David Loira, que estrea a provocativa peza Blondi, na que conecta a súa experiencia persoal como guía turístico en Berlín e nos campos de concentración nazis con episodios históricos de discriminación e odio ao diferente, todo para cuestionar quen somos e a que líderes seguimos na sociedade actual.

Instalacións perfomativas

No Hall de tirantes do Museo e na Sala Eisenman, o espazo será intervido por dúas instalacións performativas. Na primeira, o portugués António Gonçalves estrea Corpo que se fai imaxe, unha montaxe inmersiva que reinterpreta a súa primeira performance, sobre a que indaga o ensaio Língua Bífida do profesor da Universidade do Porto Pedro Eiras, que ambos presentarán xuntos no festival. A Sala Eisenman converterase en SED, unha paisaxe de palabras coa que a canaria Raquel Ponce estira ata o imposible os límites da linguaxe.

Completan o programa desta edición, Millo Vello, primeira obra da novísima compañía galega Ay, Cariño!, creada por Cris Vilariño e Diego M. Buceta en coprodución co Centro Coreográfico Galego; Let Sleeping Dogs Lie, da recoñecida intérprete e mestra internacional Laura Aris, e Phōnē: International Night Galicia, colaboración co Centro Dramático Galego que permitirá escoitar, desde o balcón do Salón Teatro, unha mostra da dramaturxia contemporánea en tres linguas minorizadas europeas: o ladino do Tirol do Sur, o yiddish falado en Romanía e o irlandés.

Unha década para celebrar

A directora artística de Escenas do cambio, Kirenia Martínez, fixo fincapé tamén naquelas pezas que celebran o décimo aniversario do festival. Por un lado, o Manifesto poético no que o director e programador galego Mateo Feijóo reivindica o risco e o desexo como motores creativos. Por outro, o tributo visual e sonoro co cal o dúo formado polo DJ Yuraq Walla e o artista visual Emilio Horyaans estimularán, a través do baile na rúa Nova de Santiago de Compostela, a memoria individual e colectiva desta década de Escenas do cambio.

Ademais, para rexistrar todo o que acontece antes, durante e despois dos espectáculos, Escenas do cambio contará este ano cun equipo de traballo multidisciplinar, o Comando Dramatúrxico, dirixido polo profesor, dramaturgo e escritor Afonso Becerra. O grupo acompañará a artistas e publico para xerar novos lugares de encontro entre ambos e facer perdurar a memoria de Escenas do cambio máis aló da celebración do festival.

Toda a información da programación de Escenas do cambio está dispoñible en escenasdocambio.org. As entradas e abonos para o festival poden adquirirse xa no Museo Centro Gaiás e en Ataquilla.com.

O festival conta coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música – INAEM e do Instituto Camões. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades promove este festival a través da propia Cidade da Cultura, da Axencia Galega das Industrias Culturais, do Centro Coreográfico Galego e do Centro Dramático Galego.