Residencias Paraíso | REGA 2024

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, entre elas Fundación Cidade da Cultura, que acompaña o desenvolvemento de proxectos de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

En cada convocatoria, Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. 

Artistas Paraíso 2024

A Cidade da Cultura —dentro do programa REGA 2024— e o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, acollen en residencia 2 dos 9 proxectos seleccionados nesta convocatoria, que desenvolverán o seu traballo entre os meses de xullo e agosto.

A primeira destas dúas residencias combinadas será a do proxecto Do outro lado, dos creadores galegos Fran Rodríguez e Brais Pombo. A proposta ofrece unha mirada ecoloxista –a cabalo entre a linguaxe audiovisual e a escénica– para afondar na tensión entre capitalismo, territorio e comunidade, coa revolta veciñal acontecida nos anos 80 na aldea de Traspielas (Fornelos de Montes, Pontevedra) como telón de fondo.

A continuación, a bailarina e creadora aragonesa Ana Cotoré será a segunda artista residente entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro co seu proxecto No necesito un nombre para ser mascota. Nesta residencia de creación, Cotoré traballará nos conceptos de domesticación e cansanzo dentro do sistema capitalista, en xeral, e do sistema da arte, en particular, coa saúde mental como foco de atención.

Consulta aquí a resolución da convocatoria e a información ao detalle sobre cada unha das Artistas Paraíso 2024.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.