A exposición dedicada a José María Barreiro despídese do Museo Gaiás con máis de 20.000 visitantes

Santiago de Compostela, 28 de Abril de 2024

A exposición Barreiro. O silencio que chove luz na xanela despídese hoxe do Museo Centro Gaiás, onde fora inaugurada a finais do pasado mes de novembro, tras recibir máis de 20.000 visitantes. 

O conselleiro de Cultura, José López, visitou a mostra acompañado polo autor, o pintor José María Barreiro (Forcarei, Pontevedra, 1940), continuador da renovación das vangardas históricas. Durante o percorrido, o titular de Cultura da Xunta destacou “o compromiso do Goberno galego coa difusión do legado dos artistas que marcaron unha época na pintura galega” e coñeceu de primeira man o contexto da obra.

Así, o relato pictórico ten en conta os lugares da vida de Barreiro (Pontevedra, Madrid, París, Vigo, Bos Aires e Santa María de Cela)  tratando de mostrar a través do tempo (sesenta anos de traballo) o seu proxecto creativo. Nesta recompilación de obras evócase a actualidade da súa pintura, reconsiderando a totalidade do seu proxecto abarcado dende os seus numerosos temas. Son temas que falan de recordos, corpos espidos femininos, gaiteiros, músicos e instrumentos musicais, flores ou naturezas mortas. Na súa obra tamén se atopan amplas atmosferas como interiores de café ou a grande icona da súa pintura, a xanela.

Hoxe pecha as súas portas unha exposición, comisariada por Xosé Antón Castro e Pilar Corredoira, que dende o mes de novembro ofreceu a oportunidade de contemplar 50 pinturas e 80 debuxos, ademais de sete esculturas coas que Barreiro levou a pintura máis alá do lenzo. No percorrido queda patente tamén á súa grande amizade con dous dos grandes creadores que tivo Galicia, Urbano Lugrís e o poeta Carlos Oroza.

A mostra, coa que a Xunta de Galicia segue a poñer en valor a relevancia dos pintores galegos na historia da arte, como xa fixera antes con outra retrospectiva dedicada a Laxeiro, pode visitarse ata as 20.00 horas deste domingo na Cidade da Cultura.