En 2024 a Cidade da Cultura volve sumarse á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á música, profesora e poeta Luísa Villalta. Nada na Coruña o 15 de xullo de 1957, a súa poesía vese atravesada pola cidade na que residiu a meirande parte da súa vida e afonda en temas como a ausencia, o esquecemento, a perda, o paso do tempo ou a resistencia. Co obxectivo de dar a coñecer a súa figura e a súa obra a toda a cidadanía, o Gaiás organiza propostas como unha lectura participativa de poemas, un encontro con rapazada de centros de ensino, unha exposición ou dúas propostas teatrais —para público adulto e público familiar—.
Relecturas: lectura compartida de textos de Luísa Villalta
A Cidade da Cultura volveu a organizar a súa tradicional lectura participativa das Letras Galegas, protagonizada polas persoas visitantes que prestan as súas voces para darlle vida aos versos de Luísa Villalta. A selección de textos para a lectura foi realizada pola tamén poeta e profesora Oriana Méndez (Vigo, 1984), e abrangue unha escolma de vinte poemas dos catro títulos que Luísa Villalta dispuxo en vida para a súa publicación: Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995) e En concreto (2004).
A lectura participativa desenvolveuse o sábado 11 de maio no Museo Gaiás en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas e, posteriormente, editouse un vídeo que foi difundido na web e redes sociais da Cidade da Cultura o propio 17 de maio de 2024.
Encontro co alumnado
O mércores 8 de maio, o Gaiás acolle un encontro entre rapazada de secundaria de dous dos institutos nos que Luísa Villalta se desempeñou como profesora e activista cultural, isto é, o IES Canido de Ferrol e o IES Xosé Neira Vilas de Oleiros. O alumnado realizará unha escolma de poemas previa ao encontro que se intercambiará entre os dous centros para posterioremente realizar unha posta en común na Cidade da Cultura. O encontro estará animado e moderado pola autora e resitadora Nuria Vil, que desde 2016 forma parte do espectáculo de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro, da plataforma de crítica literaria A Sega e, recentemente, do proxecto multidisciplinar Indóciles, no que achega ao público a obra de Luísa Villalta xunto a Vero Rilo e Mónica de Nut.
Letras Galegas na Biblioteca de Galicia
No mes das Letras Galegas, a Biblioteca de Galicia volve despregar un abano de programación para achegar tamén a figura de Luísa Villalta a todo tipo de público:
Luisa Villalta, a memoria dos sons | De maio a setembro de 2024. Entrada libre | Exposición bibliográfica sobre a figura de Luísa Villalta, artellada arredor dos fondos que atesoura a Biblioteca de Galicia.
Isaura e Tristán. Contastorias | Sábado 11 de maio, 18 h. Entrada de balde con reserva de praza | Fantoches Baj presenta unha enxeñosa peza teatral de monicreques para público familiar a partir da novela de Luísa Villalta As chaves do tempo.
Indóciles | Sábado 25 de maio, 19 h. Entrada de balde con reserva de praza | Espectáculo para público adulto que nos mergulla na obra de Luísa Villalta, unha autora comprometida e versátil cun legado literario provocador e rebelde que volve ao escenario da man de Vero Rilo, narradora, Nuria Vil, resitadora, e Mónica de Nut, música.